Blogia
FRANC3S

ARTÍCULO PUBLICADO EN LA REVISTA DE SAN JUAN

FRANC3S CONXÚGASE EN FUTUROHenrique MariñoMaría e Alberto, tanto monta, son carballeses. O tempo  nunca pasa en balde e unha noite decátaste de que el é o irmán de Montse Vecino, coa que fuches ao instituto, e ela vive onde a de Justo Lema. Lembras, incluso, que de pequeno ías a aquela casa da rúa de Colón a buscar ou devolver unha capeliña de madeira cunha santa dentro. E que a súa tía, creo, andaba a coller sempre un pouco de aquí e outro pouco de acolá nos traxes de primeira comunión. Pero a ti faláronche de Franc3s, así, co 3 ao revés e sen xeito coñecido de pronuncialo, e non caes. Están comezando, pero son bos, escoitas. Ou fáltalles moito, pero van polo bo camiño. Chegado o momento da 1º coincidencia, alguén diche, a pé de barra, son eses. E ti ollas para eles e non caes. As diferentas xeracionais e todo iso. Perderse cando median máis de 5 anos, cara abaixo. En fin, que pasan os días e, na noite de marras, fíxaste neles e ves que tamén te miran. Achégaste. Saúdas. Aquel neno calado e educado da Gran Vía é ese mozo. Buscas e atopas nas faccións dela  algunha póla da súa árbore xenealóxica, aínda que non podes evitar chamarlle ou pensar nela como María Franc3s. Antes do encontro físico producíranse varias tomas de contacto coa súa música, cun efecto turbiamente hipnótico. Mergullarse na súa biografía e nos seus gustos fixo que os terminase situando no mapa. E, na verdade, atopabas sorprendente e estrada sonora que decidiran tomar nunca terra onde crecía vizoso o heavy e outros paus, digamos, máis convencionais, até o punto de poder pasar por autóctonos. O diaño en miniatura, aló arriba, á esquerda da cabeza. O do faino ti mesmo non era (non é) nada novo e o do amateurismo podería ser visto como unha coartada para pintar a mona con coñecemento de causa, sen a opción da vergoña, nin sequera allea: para ter unha banda non fai falla saber tocar, o importante é a actitude e todo iso, incluído o uso de termos que terminan perdendo o seu significado orixinal(léase punk) ou sendo apropiados polos do poleiro de enfronte. Non, estes rapaces tiñan algo. O anxo, na dereita. E merecíanse azos, folgos e pulos, aínda que só fora pola súa ilusión, valentía e falta de prexuízos que semellaban atesourar. Xa está ben de ser Saturnos devorando aos nosos fillos. Uns que fan algo diferente (ou até uns que fan algo) e xa rinchan os coitelos. Cun par, nenos. Franc3s, ademáis de María(batería e voz) e Alberto(voz e guitarra), está composto por Patuki, vilalbesa e , tamén, responsable do teclado e o theremin. Nenas. Dous terzos de Estrella. Son, sen dúbida, a formación máis orixinal (si, todo está inventado e bla, bla, bla) que ten xurdido en Carballo nos últimos anos. E están chamados, se lle seguen botando as mesmas ganas, a facerse un oco no panorama musical galego. Deberían explotar o seu aquel, entre a inxenuidade e a aparente pusilanimidade, a súa rabia Taif, esa sensación de desgana, de que todo da igual e está perdido, de ler a Lois Pereiro debaixo dunha ponte por onde pasan os trens, sen inmutarse nin polo ruído nin polas vibracións, absortos no seu propio transo. Eles, de feito, son ruidosos. E a súa primeira maqueta está gravada   dun xeito totalmente precario, o que lle confire o seu encanto. Recoñecen como referencias a Surfin Bichos, Alaska, Nacho Vegas, Joy Division, The Cramps ou Los Enemigos (moitos eles, curiosamente, invitados ás Festas de San Xoán en anteriores edicións). Todo moi escuro.  Sobre o seu pop de motor trucado cabalga un romántico adoecido. Din, por exemplo, que lles gusta García Alix. E resulta claro que son amigotes da serie B, até podería dicirse que da Z: de Waters a Burroughs. A crítica cualifica a súa música como crúa, gamberra e deslavazada. De letras transgresoras e surreais. Que entronca co alumnado avantaxado dunha escola na que acaban de graduarse os Triángulo de Amor Bizarro. Longa vida a Franc3s. E non deixen de escoltar as súas cancións en Internet: http://www.myspace.com/franc3sspace 

0 comentarios