As dez de Patuki en Sono -Tone
Patuki é teclista dos carballeses FRANC3S . Estas son as dez músicas da súa vida:
1.“All tomorrow´s parties” The velvet underground
Para min ésta é a mellor canción do mellor disco da historia. Pódese sentir a voz de Nico derretíndose sobre a calor da electricidade. Paréceme unha canción infantil de nenos perversos. O principio de todo. Encántame escoitala cando teño resaca.
2.”Love will tears apart” Joy Division
Hai moita xente que pensa que Joy Division foron importantes polo suicidio de Ian e todo iso, pero para min, este tipo de cancións son o que realmente os fai importantes. Creo que “Love will tears apart” non envelleceu nada, incluso todo o contrario, aínda que isto é algo que non creo que se poda dicir da maioría de grupos que lles copian sen a máis mínima personalidade. A ver se deixan pronto de estar de moda. Esta canción pode chegar a obsesionar.
3.”The model” Kraftwerk
Tamén me gusta a versión de Big black, pero poño a orixinal porque foi despois de escoitala cando vin o futuro e empecei a interesarme polos sintes e toda a electrónica en xeral. Despois descubrín a Devo e sentín que ía polo camiño correcto. Nuclear si, por suposto.
4.” Debaser” Pixies
Cando escoitei esta canción nunha cinta que me gravou un amigo no instituto dinme de conta que os meus discos eran unha merda. Isto era a verdade. Isto era o que eu quería facer. Esta canción cambiou a miña vida.
5.”Soon” My bloody valentine
O final perfecto para o mellor disco dos noventa. A canción que me fixo enamorarme do ruído. O ano pasado vinos en Madrid e din que van sacar outro disco, pero para min ésta sempre será a súa última canción.
6.”Frankie Teardrop” Suicide
As veces gústame pensar nunha heroína todopoderosa que elimina a toda esa xente que non ten nada que dicir e que por enriba non para de facelo usando fórmulas copiadas. A banda sonora que sonará de fondo cando veña a liberarnos será de Suicide.
7.”El fantasma de la transición” Triángulo de amor bizarro
Golpes bajos, Siniestro total, Os resentidos, Traje de saliva, Apeiron, Hemisferio izquierdo… todos teñen algunha canción que me parece boa, pero para min ésta é a mellor canción da historia de Galicia. Unha canción redonda. Isa, sen dúbida, tería moitas posibilidades no cásting para esa heroína.
8.”El tigre de Guadarrama” Vainica doble
Vainica doble sempre me transmitiron algo que moi poucos poden facer e que creo que é moi importante hoxe en día na música: a inxenuidade. Elas e Daniel Johnston deberían estar nun pedestal por iso.
9.”Segundo premio” Los planetas
O arranque dun dos primeiros discos que merquei co meu diñeiro, e que tamén foi o arranque do meu interese pola música en castelán. Quizás foi, con Mercromina, o grupo que me demostrou que aquí tamén se podían facer cousas chulas.
10.”Suena brillante” Joe Crepúsculo
Porque sona brillante. A máis brillante do 2008. Os tempos están cambiando. Ama y haz lo que quieras.
+ info: http://www.sono-tone.net//novas/as-dez-de-patuki-franc3s.html
0 comentarios